26.5.22

MAKEY MAKEY ( 5º EI)

 Durante o mes das letras tivemos un achegamento ós instrumentos musicais tradicionais: gaita, castañolas, pandeireta... 


Así que esta semana decidimos tocar o bombo pero utilizando o Makey Makey. Para iso, no Leolab, fixemos varios grupos, e cada un deles tiña que decorar uns círculos de cartón que foron os nosos " Bombos", despois pegarlle a cada un deles un pouco de papel de aluminio, conectar os cables da placa Makey Makey ó " Bombo" na parte de aluminio, e por último tocar o instrumento, non sen antes agarrar coa outra man o cable de TERRA.

Cada grupo xogou a tocar, e descubrimos que se un peque tocaba o cable TERRA para que soara o seu instrumento e outra persoa tocaba a este peque, ambos podían tocar!!! 



Premer na imaxe para acceder á galería



24.5.22

VIAXANDO POLO MUNDO ( 5º EI)

 Tras traballar o conto de Tonino, comezamos esta semana con Ei, superavó!!!!

Neste conto un avó leva ós seus netos a diferentes lugares utilizando un compás máxico e unhas postais. Grazas a isto, pasan o día nunha praia,  visitan o oeste onde se atopan cunha manda de búfalos e viaxan ata unha zona montañosa coas cumes nevadas.

Trala lectura deste conto, os peques sacaron os seus compás que trouxeran da casa, e comezamos unha asemblea: porque ten números e letras, cal é a súa utilidade, para que serve a agulla vermella e da voltas... 

Descubrimos que o compás indica onde está o norte, así que na clase... Onde estará? Fixemos unha busca por equipos.


Tamén esta semana no Leolab, utilizando o compás dunha tablet, buscamos os puntos cardinais e marcámolos con carteis, e posteriormente xogamos a levar o Beebot polos distintos puntos cardinais do mapa mundi.



Premer na imaxe para o acceso á galería


Como neste conto o avó viaxa cos netos e no concerto de Lydia Botana vimos como unha bolboreta viaxaba polo mundo, pensamos a que parte do mundo nos gustaría ir cos nosos avós e avoas e levamos ó Beebot ata alí.


MES DAS LETRAS: A nosa canción ( 5º EI)



Un día na clase, o encargado escolleu na hora da merenda unha canción que falaba sobre o noso idioma, o galego, e un neno da clase propuxo facer nós a nosa propia canción, idea que nos entusiasmou a tod@s.
Así que aproveitando o cadro que escollemos por votación na exposición fotográfica para crear un verso, realizamos unha asemblea, na que cada neno e nena dixo o que veía no cadro. Con todas as opinións creamos unha nova letra para a música A raíz do Toxo verde de A Roda.

Aprendemos a canción, subimos á Radio Balea a cantar e a bailamos. 






DÍA DAS LETRAS GALEGAS de bibliotecamilladoiro

13.5.22

Premiad@s: IV Concurso Podcasts-Radio na Biblio

Premio IV Concurso Podcasts-Radio na Biblio
Voltamos estar en hora boa. Se no 2º trimestre recibiamos o Sello CCB 2021, neste 3º trimestre acabamos de coñecer que fomos PREMIAD@S no...

 IV Concurso de Podcasts - Radio na Biblio

Un marabilloso produto final de produción propia, en formato regueifa, arredor da biografía de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas 2022.

A nosa participación na modalidade II (alumnado de 3º a 6º de Primaria) obtén como premio unha asignación extraordinaria de 1.000 € destinada, tal e como recolle a convocatoria do concurso, a melloras ou actividades relacionadas co funcionamento do laboratorio de radio, sempre vinculado á biblioteca do centro.

Premendo na imaxe accederedes a memoria e escaleta remitida ao concurso e na cal se recollen @s participantes que deron vida e personalidade malpicá a produción escrita "Unha regueifa a Don Florencio", que foi posible grazas a implicación e colaboración de Charo (nai dun alumno do centro e membro da ANPA) e do profesorado do Equipo de Radio na Biblio.

Un premio ao traballo feito EN COMUNIDADE E CON IDENTIDADE!

A desfrutar do podcast premiado, xa publicado no portal da Radio Galega, e...

Parabéns, unha vez máis, a TOD@S!