14.12.22

Laboratorio de son. Grupo 2 (EI - 1º ciclo EP)

                                                        

Segundo grupo que pasa polo laboratorio de son. Desta vez o produto final é este audioconto que vos presentamos a continuación. 

Como facía uns días viñamos de celebrar o 25N: Día Internacional pola eliminación da violencia de xénero, o conto escollido para gravar na nosa radio foi Vivan as uñas de cores, escrito por Alicia Acosta e Luis Amavisca. De Nubeocho Edicións. 

Pareceunos moi acaído para esta ocasión porque conta a historia de Xan, que ao igual que Antal (neno que vedes na imaxe), lle encanta levar as uñas pintadas de cores diferentes. Píntanas porque lle gusta e lle apetece.  Así de sinxelo. E os demais non podemos facer outra cousa máis que respectalo e aceptalo. Defendemos a igualdade de xéneros. 

As voces que escoitaredes neste audioconto corresponden a Daniel Deus, Yago Villar, Uxía Amigo, Mateo Fernández, Daniela Pérez, Diego Recarey, Pedro Pose, Alexia Veres, Izan Cambón e Martin Chouciño. 


          Pica na imaxe do conto para acceder á galería de fotos.  


8.12.22

Laboratorio de Imaxe II: Grupo 3 ( infantil e 1º ciclo)

 

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

 Este curso voltamos recuperar a gran riqueza dos grupos interniveis e enlazamos todos os laboratorios de aprendizaxe co Proxecto Documental Integrado (PDI) que nos ocupa. Este curso retomamos o  Laboratorio de Imaxe para o alumnado de infantil  1º ciclo de E. Primaria.

O grupo 3 composto por: Haini, Hugo, Diego, Mayra, Ainara, Leo, Daniela M., Ángel, Andrea, Adrián e Amanda; achegáronse á placa Makey Makey. O primeiro mércores descubriron algúns materiais conductores de enerxía, filamento de cobre e papel de aluminio, manipularon a placa makey makey e o seu cableado e se divertiron xogando con recursos interactivos programados en Scracht.

No segundo mércores, recordamos como funcionaba o circuíto electrónico da placa Makey Makey, o importante de tocar o cable de Terra para que se pechara o circuíto e funcionara... Despois de forma individual decoraron unha pandeireta con cartón, pegáronlle papel de aluminio e en grupos de tres, utilizando un kit Makey Makey e un portátil, realizaron as conexións necesarias para poder tocar e facer soar a pandeireta programada en Scracht.



2.12.22

Radio Voz Escolar - Radio na Biblio: Radio Balea

Antía Leal de Radio Voz
Nen@s de 5ºEP en Radio Balea

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

A comezos do mes de novembro recibimos un correo da Asesoría BEGA comunicándonos que o noso colexio fora proposto pola Consellería de Educación para o programa Radio Voz Escolar: proxecto de Radio Voz en colaboración coa Consellería de Educación.

A nosa escola, como centro LIA.2, promove mediante os diversos laboratorios de aprendizaxe que nos son propios o coñecemento e uso responsable da información en múltiples formatos. Laboratorios que son implementados nos diversos espazos creativos que conforman a nosa BE-LeoLab, así é o caso do Laboratorio de Son que se desenvolve na nosa Radio na Biblio: Radio Balea.

No día de hoxe recibimos no cole a Antía (xornalista de Radio Voz) e Sonia (xefa técnica). Antía deu unha breve charla ao alumnado de 5º de E. Primaria, no presente curso biblioaxudantes de Radio na Biblio, para logo gravar no estudio de Radio Balea o programa MillaInforma.

Ademais da parte teórica e técnica da radio tamén conectaron en directo con Radio Voz Bergantiños, saudando a Fran o seu locutor, como se pode ver no seguinte vídeo e se poderá escoitar a partir de mañá no seguinte enlace:

Dende Radio Balea conectamos con Radio Voz Bergantiños

Unha nova experiencia de vida, un agasallo de Nadal adiantado, que seguro @s nen@s non olvidarán; así como os bos consellos para a mellora na emisión de podcasts que lles deixaron Antía e Sonia, as cales agradecemos a súa amabilidade e bo facer.

Seguiremos informando dende... Radio Balea, a radio nas ondas!


28.11.22

Premiad@s: VIII Concurso de Traballo por Proxectos

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos 

Estamos en hora boa! A aula de 4º de E. Primaria, do curso 2021/22, resultou premiada no VIII Concurso de Traballo por Proxectos.

Na modalidade de Investigación e Tratamento da Información presentaron a Tarefa Integrada desenvolta no último trimestre no Laboratorio Documental: Malpica, a nosa vila, enmarcada dentro do noso Mes das Letras 2022

Na memoria presentada recollen, ademais, os restantes laboratorios de aprendizaxe implementados ao longo do curso 2021/22 en relación co PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL!

Un curso que estivo marcado pola pandemia, con protocolos sanitarios que afectaron á natural socialización escolar; mais puideron seguir divertíndose aprendendo e sendo artífices das súas propias aprendizaxes mediante Tarefas Integradas que abarcaron diversas áreas, entre elas a área de Aprender a Investigar. Área esta que non lles era allea, dado que dende E. Infantil e 1º ciclo de E. Primaria aprenden por descubrimento: sendo, facendo, sabendo e convivindo; e sempre ao abeiro da Biblioteca Escolar-LeoLab: espazos creativos e recursos bibliográficos, dixitais, tecnolóxicos, audiovisuais... para tod@s.

No día de hoxe realizamos a entrega dos diplomas correspondentes e de dous agasallos lúdicos para compartir na aula. Un premio ao traballo feito... con corazón!

Parabéns a tod@s, unha dotación económica para tod@s: educación de calidade no rural.

23.11.22

Laboratorio Documental: Grupo 6

Grupo 6-Novembro 2022Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Ao longo do mes de novembro implementamos o Laboratorio Documental para o alumnado de 2º e 3º ciclo de E. Primaria.

O grupo 6 composto por: Santiago, Benito, Valentina, Ainoa, Uxía P., Daniel, Lara, Babel, Alejo e Mª Dolores; trataron a identidade dos libros: libros que nos achegan ás conmemoracións anuais, en novembro... á Ciencia en Galego nas Bibliotecas. Asemade, tratamos a Formación de Usuari@s da nosa Biblio-LeoLab, en formato impreso e dixital.

O obxectivo final é completar, con preguntas e respostas arredor de Galicia, o noso xogo de produción propia, E ti, de quen vés sendo?, iniciado o pasado curso a raíz do noso PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL! 

As preguntas e respostas, despois da recuperación de exemplares e tratamento da información, son recollidas na aplicación educativa Kahoot para achegarnos a un recurso dixital de gamificación.

Felicitar ao grupo 6 pola súa gran motivación e esforzo en cada sesión. Como agasallo final e peche do laboratorio levaron un marcapáxinas coa nosa CDU e código QR que enlaza á formación de usuari@s en liña, para ter sempre a man.

3.11.22

Laboratorio de son. Grupo 3 (EI - 1º ciclo EP)



Emocionadísimos/as de poder recuperar os laboratorios de aprendizaxe interciclos. 

Nesta ocasión queremos amosarvos o produto final do primeiro laboratorio de son desenvolto en dúas sesións co grupo 3: un audioconto gravado no noso estudo de radio coincidindo coa festividade do Samaín. O conto elexido foi Os esqueletos divertidos, de Allan Ahlberg. 

O grupo 3 estivo formado por: Diego, Hajnalka, Hugo, Ángel, Ainara, Mayra, Daniela, Leo, Andrea, Amanda, Martín M., Adrián. 

Moitos parabéns a todos/as por facelo tan ben!


2.11.22

Laboratorio de Imaxe: Grupo 4 ( infantil, 1º ciclo)

 


Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

A pasada semana iniciamos o  Laboratorio de Imaxe para o alumnado de infantil  1º ciclo de E. Primaria. Voltamos recuperar a gran riqueza dos grupos interniveis e enlazamos todos os laboratorios de aprendizaxe co Proxecto Documental Integrado (PDI) que nos ocupa. 

O grupo 4 composto por: Kerman, Aldara, Mateo, Leo, Manuela, Rosalía, Borja, Antal, Gabriel, Martín C. e Miia; achegáronse á placa Makey Makey. O primeiro mércores descubriron algúns materiais conductores de enerxía, filamento de cobre e papel de aluminio, manipularon a placa makey makey e o seu cableado e se divertiron aprendendo a xogar con recursos interactivos programados en Scracht.

No segundo mércores, recordamos como funcionaba o circuíto electrónico da placa Makey Makey, o importante de tocar o cable de Terra para que se pechara o circuíto e funcionara... Despois de forma individual decoraron unha pandeireta con cartón, pegáronlle papel de aluminio e en grupos de dous, utilizando un kit Makey Makey e un portátil, realizaron as conexións necesarias para poder tocar e facer soar a pandeireta programada en Scracht.



20.10.22

Laboratorio Documental - Grupo 1

 Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

A finais de setembro iniciamos o Laboratorio Documental para o alumnado de 2º e 3º ciclo de E. Primaria. Voltamos recuperar a gran riqueza dos grupos interniveis e enlazamos todos os laboratorios de aprendizaxe co Proxecto Documental Integrado (PDI) que nos ocupa. 

O grupo 1 composto por: Petro, Dania, Clara, Andrea, Marco, Gonzalo, Natalia, Mónica, Daniella e Abraham; refrescaron contidos dados en anteriores cursos como a identidade dos libros: libros que nos achegan ás conmemoracións anuais, en outubro... ao Samaín. Asemade, tratamos a Formación de Usuari@s da nosa Biblio-LeoLab, en formato impreso e dixital.

O obxectivo final é completar, con preguntas e respostas arredor de Galicia, o noso xogo de produción propia, E ti, de quen vés sendo?, iniciado o pasado curso a raíz do noso PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL! 

As preguntas e respostas, despois da recuperación de exemplares e tratamento da información, son recollidas na aplicación educativa Kahoot para achegarnos a un recurso dixital de gamificación.

Felicitar ao grupo 1 pola súa gran motivación e esforzo en cada sesión. Como agasallo final e peche do laboratorio levaron un marcapáxinas coa nosa CDU e código QR que enlaza á formación de usuari@s en liña, para ter sempre a man.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

17.6.22

O ollo máxico de Xurxo Alfeirán

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

 Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Recibimos, novamente, a Xurxo Alfeirán que nos presentou no Laboratorio Experimental a súa exposición O ollo máxico.

Experimentamos cos diferentes instrumentos e imaxes, as nosas fotos incluídas, para marabillarnos coa visión, coa maxia da óptica.

Agradecid@s a Xurxo pola súa contribución a experimentación do noso alumnado.

4ºEP_Retos LeoLab... cumpridos!

 

O Equipo Tecnolóxico elaborou diversos retos creativos/construtivos para realizar no LeoLab e por niveis de dificultade, seguindo as cores dos nives lectores da nosa Biblio: verde (principiantes), amarelo (autónomos) e vermello (expertos)

Despois da andaina solidaria, chegamos ao cole moi relaxad@s e rematamos o día no LeoLab para desenvolver a nosa gran creatividade e...

RETOS MÁIS QUE CUMPRIDOS! 

14.6.22

XEADOS DE FROITAS ( 5º EI)

 Coa chegada do bo tempo e a caloriña, a comezos deste mes, decidimos ir á cociña a facer xeados.

Para iso os peques cortaron amorodos, plátanos e mango, e despois de un en un botaron na batedora os trociños e un pouco de agua. Cando xa tiñamos a mestura ben triturada enchemos as poleras e para o conxelador!!!

Por suposto, cada peque meteu o seu prato e coitelo na lavavaixelas e axudaron a deixar todo limpo e ordenado.

A pasada semana, aproveitando un día de calor probamos os xeados e... ESTABAN BOÍSIMOS ( aínda que non para todos).


Premer na imaxe para acceder á galería




10.6.22

FEIRA DE XOGOS ( 5º EI)

 Onte, en psicomotricidade, organizamos unha actividade para traballar o razoamento lóxico a través de diversos xogos: a oca, o bingo dos números, o dominó, memory e un xogo de serpes e escaleiras. 

Dividimos a clase en pequenos grupos rotatorios, de forma que tod@s disfrutaron dos xogos, sobre todo o do bingo e as serpes e escaleiras!!!!



Premer na imaxe para acceder á galería


7.6.22

Espazos e recursos... renovamos, organizamos!

Un vídeo que resume moi ben a renovación, organización de espazos e recursos realizada ao longo do curso entre tod@s, para tod@s.

Grazas a diferentes orzamentos (PLAMBE, Biblioteca Inclusiva, Biblioteca Creativa, melloras de centro...) ou axudas (solicitadas pola ANPA) puidemos realizar melloras para seguir transitando o camiño cara unha 

EDUCACIÓN NO RURAL: pública, inclusiva, equitativa e de calidade 


ODS 4


5.6.22

Lab. de Ideas: XOGOS 3R

Laboratorio de Ideas: xogos 3R

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Hoxe, Día do Medio Ambiente, presentamos os produtos finais do último laboratorio de aprendizaxe do curso, o Laboratorio de Ideas, recollido na proposta de actividades trimestrais.

O xogo e o texto instructivo presidiron o laboratorio e grazas a gran creatividade de tod@s xurdiron xogos 3R diversos, tales como:

  • Emboque de 4º de Infantil: botellas de plástico con adhesivos moi coloridos.
  • Dominó de 5º de Infantil: pedras reutilizadas con deseño propio.
  • O pano de 6º de Infantil e 1º de Primaria: retallos de tea variados e... cosidos!
  • Choiva de tapóns de 2º de Primaria: paus e tapóns de plástico a cachón.
  • Tira-bólas de 3º de Primaria: cartón e botellas de plástico para unha rampa personalizada.
  • Raiola de 4º de Primaria: caixas, páxinas de libros deteriorados/expurgados e tapóns de plástico para mesturar dous xogos tradicionais (RA e marIOLA)
  • Tres en raia de 5º de Primaria: cartón e cápsulas de café para deseñar taboleiro e fichas propias.
  • Teléfono escacharrado de 6ºA de Primaria: envases de iogur, xornais e fío para comunicarnos.
  • Os birlos, cor a esgalla, de 6ºB de Primaria: area, xornais e botellas de plástico con temática diversa.

Parabéns a tod@s! Coidando o Medio Ambiente, aplicando as 3R: reducir, reutilizar e reciclar.

Xogos aos que daremos bo uso nestas últimas semanas de curso e... o vindeiro!

 

3.6.22

RETOS CREATIVOS ( 5º EI)

 Hoxe no Leolab comezamos a realizar a actividade proposta polo Equipode Imaxe: Os Retos Creativos.

Dividimos a clase en grupos pequenos que rotaron polos distintos retos, cun tempo máximo de 5 minutos, e estes foron: 

- Prender unha luz cunha bombilla

- Facer unha construción cos bloques Gigi que tivera un espazo de acceso ó interior.

- Crear casas cos Tangram

- No mural Lego recrear o mar e animais mariños

- Coas palliñas de construción formas figuras xeométricas.

- Coas pezas imantadas crear torres que se mantiveran no aire agarrándoas por un extremo.

- Atopar na baralla animais propios da selva


Premer na imaxe para acceder á galería



2.6.22

AULA MULTISENSORIAL ( 5º EI)

 

 Por fin chegou o día...ESTRENAMOS A AULA MULTISENSORIAL!!!!!

Durante varios días os peques, ó pasar polo pasillo, preguntaban que eran as luces que brilaban nunha das aulas, e cada un imaxinaba que habería alí dentro, e despois de moito traballo, onte puidemos descubrir o novo espazo da nosa Biblioteca Creativa: a nova aula multisensorial.

Ó entrar atopamos un espazo con iluminación tenue e un montón de materiais con luces. Tras explicar cada recuncho, escolleron e xogaron libremente experimentando e manipulando os materiais dispoñibles. En palabaras deles:" Non nos gusta este espazo, encántannos ".

Recunchos dispoñibles:

-  Zona da calma

- Recuncho das texturas

- Recuncho da vida cotiá

- Recuncho da luz

- Recuncho olores e sons

- Lectura sensorial




1.6.22

RETOS CREATIVOS ( 6º EI)

  Onte no Leolab participamos na  actividade proposta polo Equipo de Imaxe: Os Retos Creativos, recuperando así, os martes e venres robóticos.

Os peques rotaron polos 5 retos propostos:

- Prender unha luz cunha bombilla

- Facer unha construción cos bloques Gigi que tivera un espazo de acceso ó interior.

- No mural Lego recrear figuras xeométricas

- Coas palliñas de construción formas figuras xeométricas.

- Construír un circuíto con bloques Kappla


Premer na imaxe para acceder á galería


26.5.22

MAKEY MAKEY ( 5º EI)

 Durante o mes das letras tivemos un achegamento ós instrumentos musicais tradicionais: gaita, castañolas, pandeireta... 


Así que esta semana decidimos tocar o bombo pero utilizando o Makey Makey. Para iso, no Leolab, fixemos varios grupos, e cada un deles tiña que decorar uns círculos de cartón que foron os nosos " Bombos", despois pegarlle a cada un deles un pouco de papel de aluminio, conectar os cables da placa Makey Makey ó " Bombo" na parte de aluminio, e por último tocar o instrumento, non sen antes agarrar coa outra man o cable de TERRA.

Cada grupo xogou a tocar, e descubrimos que se un peque tocaba o cable TERRA para que soara o seu instrumento e outra persoa tocaba a este peque, ambos podían tocar!!! 



Premer na imaxe para acceder á galería



24.5.22

VIAXANDO POLO MUNDO ( 5º EI)

 Tras traballar o conto de Tonino, comezamos esta semana con Ei, superavó!!!!

Neste conto un avó leva ós seus netos a diferentes lugares utilizando un compás máxico e unhas postais. Grazas a isto, pasan o día nunha praia,  visitan o oeste onde se atopan cunha manda de búfalos e viaxan ata unha zona montañosa coas cumes nevadas.

Trala lectura deste conto, os peques sacaron os seus compás que trouxeran da casa, e comezamos unha asemblea: porque ten números e letras, cal é a súa utilidade, para que serve a agulla vermella e da voltas... 

Descubrimos que o compás indica onde está o norte, así que na clase... Onde estará? Fixemos unha busca por equipos.


Tamén esta semana no Leolab, utilizando o compás dunha tablet, buscamos os puntos cardinais e marcámolos con carteis, e posteriormente xogamos a levar o Beebot polos distintos puntos cardinais do mapa mundi.



Premer na imaxe para o acceso á galería


Como neste conto o avó viaxa cos netos e no concerto de Lydia Botana vimos como unha bolboreta viaxaba polo mundo, pensamos a que parte do mundo nos gustaría ir cos nosos avós e avoas e levamos ó Beebot ata alí.


MES DAS LETRAS: A nosa canción ( 5º EI)



Un día na clase, o encargado escolleu na hora da merenda unha canción que falaba sobre o noso idioma, o galego, e un neno da clase propuxo facer nós a nosa propia canción, idea que nos entusiasmou a tod@s.
Así que aproveitando o cadro que escollemos por votación na exposición fotográfica para crear un verso, realizamos unha asemblea, na que cada neno e nena dixo o que veía no cadro. Con todas as opinións creamos unha nova letra para a música A raíz do Toxo verde de A Roda.

Aprendemos a canción, subimos á Radio Balea a cantar e a bailamos. 






DÍA DAS LETRAS GALEGAS de bibliotecamilladoiro

13.5.22

Premiad@s: IV Concurso Podcasts-Radio na Biblio

Premio IV Concurso Podcasts-Radio na Biblio
Voltamos estar en hora boa. Se no 2º trimestre recibiamos o Sello CCB 2021, neste 3º trimestre acabamos de coñecer que fomos PREMIAD@S no...

 IV Concurso de Podcasts - Radio na Biblio

Un marabilloso produto final de produción propia, en formato regueifa, arredor da biografía de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas 2022.

A nosa participación na modalidade II (alumnado de 3º a 6º de Primaria) obtén como premio unha asignación extraordinaria de 1.000 € destinada, tal e como recolle a convocatoria do concurso, a melloras ou actividades relacionadas co funcionamento do laboratorio de radio, sempre vinculado á biblioteca do centro.

Premendo na imaxe accederedes a memoria e escaleta remitida ao concurso e na cal se recollen @s participantes que deron vida e personalidade malpicá a produción escrita "Unha regueifa a Don Florencio", que foi posible grazas a implicación e colaboración de Charo (nai dun alumno do centro e membro da ANPA) e do profesorado do Equipo de Radio na Biblio.

Un premio ao traballo feito EN COMUNIDADE E CON IDENTIDADE!

A desfrutar do podcast premiado, xa publicado no portal da Radio Galega, e...

Parabéns, unha vez máis, a TOD@S!

8.4.22

Lab. de Son: oficio e tradición... en feminino!

Presentamos os produtos finais do Laboratorio de Son implementado ao longo do mes de marzo en relación co Día da Muller 2022 e a proposta de actividades do noso PDI.

A proposta incluía dous produtos finais, entrevista escrita e podcast realizado en Radio Balea, valorando os oficios tradicionais desenvoltos por Mulleres da nosa contorna.

Premendo nos enlaces da seguinte listaxe accederedes aos produtos finais de cada aula:

Felicitar, unha vez máis, a alumnado e titores/as polo gran traballo desenvolto: investigando, coñecendo, valorando, comunicando; así coma ás protagonistas das diferentes entrevistas que,  de maneira totalmente altruista, nos regalaron o seu tempo para compartir experiencias e valores de vida.

Seguimos educando en igualdade e valorando ÁS NOSAS MULLERES!







7.4.22

PIRULETAS DE CHOCOLATE ( 5º EI)

 Onte por fin probamos as piruletas de chocolate, despois de varios días para que endureceran. Aínda que algunhas romperon, estaban boísimas!!!!



                        Premer na imaxe para acceder á galería

              





XOGOS ROTATORIOS ( 5º EI)

 Hoxe montamos na clase varios xogos no que o alumnado rotaba, incluíndo novos materiais que xa forman parte da aula multisensorial:


1. AS CARITAS: un xogo no que hai que escoller unha carta que representa caras con diversas emocións e intentar montar o puzle desa carita.

2. Realidade Aumentada ( RA): pintamos con ceras artísticas un camión de bombeiros, e utilizando a aplicación Quiver puidemos velo en realidade aumentada e con movemento.

3. RA con plastilina: utilizando a aplicación Play-Doh Touch, puidemos reproducir e xogar coas pezas que creamos en plastilina.

4. Pesos: utilizando unha balanza e os pesos Montessori, xogaron e experimentaron coas cantidades e o pesos.

5. Cadrados: utilizamos un xogo moi sinxelo pero moi divertido, ENCUADRA, no que a través de escoller entre varias cartas modelo tivemos que intentar reproducir os exemplos propostos.

6. Taller: utilizamos un material novo para utilizar ferramentas como a chave inglesa e o desparafusador para apretar ou sacar distintos tipos de tornillos.

7. DOC: utilizando o noso robot Doc, xogamos a levalo a distintas partes do panel.


Premer na imaxe para acceder á galería









5.4.22

GYMKANA INFANTIL: CÓDIGOS QR ( 6º EI)

 Tras aprender como se utiliza o Chroma, empezamos a investigar que son os códigos QR.


Comezamos collendo as tablets e facendo percorridos polo centro, buscando e visualizando os códigos que atopamos, polo que sabemos que os códigos enlazan a arquivos que están subidos en internet.

Agora estamos organizando unha gymkana para o alumnado de 4º e 5º EI, polo que nós participamos creando as pistas dos distintos xogos con códigos QR. 

Cada alumn@ gravou unha pista de audio dando indicacións da zona do cole onde está o seguinte xogo, e agora estamos aprendendo a crear os códigos con Unitag utilizando os portátiles.


Premer na imaxe para acceder á galería






18.3.22

MARTES E VENRES ROBÓTICOS: VIDEO-TITORIAL CHROMA ( 6º EI)

 Durante este trimestre, co alumnado de 6º EI, comezamos a tarefa de realizar outro vídeotitorial, pero esta vez sobre a gravación en Chroma, algo que en principio, contábamos con acabar hai moito tempo, pero que resultou máis complicado.

Durante estes meses de xaneiro, febreiro e marzo, practicamos a realizar moitos vídeos xogando no chroma, donde o que gravaba utilizando a tablet cambiaba cada semana para que tod@s aprenderan a utilizar a app Touchcast.

Tras moitos días practicando, conseguimos obter o vídeo titorial e creamos unha " película" imaxinada e decorada por eles. Aquí vos deixamos un produto final sinxelo tras moito traballo...


FELICIDADES PEQUES POLO ESFORZO!!!!


VIDEO TITORIAL CHROMA - Kizoa Movie Maker



PELÍCULA: OS DINOSAURIOS





11.3.22

Formación con Julia de la Cal: estrutura de vimbio

Un curso máis, a Asesoría de Bibliotecas Escolares, concedeunos aos centros do Plan LIA.2 unha formación dentro do programa Biblioteca Creativa, este ano dirixida ao alumnado, ás familias e en xeral a toda a comunidade educativa.

Dentro das moitas actividades ofertadas, moi interesantes e funcionais, decidímonos pola realización de obradoiros para a creación dunha estrutura de vimbio con Julia de Cal; xa que dentro do PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL!,  neste trimestre traballamos os oficios tradicionais de Malpica e Costa da Morte, e en marzo dirixido ao traballo realizado por Mulleres. 

Foi unha actividade moi enriquecedora, de forma que ao remate das xornadas conseguimos, co traballo en equipo, un espazo de vimbio para o tempo de lecer, de lectura, de tranquilidade e de xogo, un produto realizado entre tod@s e para tod@s, como comunidade educativa que somos.

Premendo na imaxe accederedes á galería de fotos das diferentes xornadas desenvoltas ao longo do xoves 10 e venres 11 de marzo. 

Agradecer á Asesoría esta oportunidade de aprendizaxe, a Julia de la Cal por achegarnos un oficio tradicional tan bonito e pola súa implicación; así como a todas as familias que puideron vir ao cole para colaborar con nós, INFINITAS GRAZAS!!!!

8.2.22

Lab. de imaxe: En busca da Paz

Cuberta Fuxiron por mar de Xelucho Abella

Ao longo do mes de xaneiro, un mes difícil por mor da pandemia, desenvolvemos o Laboratorio de Imaxe arredor do noso PDI e do Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

O laboratorio iniciouse nas sesións impartidas polo equipo tecnolóxico cun xogo de retos, escapismo para descubrir o nome e apelidos dunha persoa de orixe malpicá que, no seu día, emigrou ou fuxiu en busca da PAZ.

Posteriormente, dende as diferentes titorías levouse a cabo a investigación para pechar o laboratorio con produtos finais en diversos soportes e formatos.

Premendo en cada enlace accederedes ás publicacións realizadas nas diferentes bitácoras dos ciclos:

Parabéns a tod@s pola creatividade e esforzo na búsqueda, selección, organización e comunicación da información.

Seguimos querendo coñecer e valorar o noso!

Axenda 2030



18.1.22

Martes robóticos: aprendendo sobre o Chroma ( 6º EI)




Ó comezar un novo trimestre, a pasada semana decidimos visitar as distintas instalacións da nosa biblioteca creativa, para que así decidiramos cal sería o noso próximo video titorial. Neste caso, decidimos aprender a gravar en Chroma.

De momento estamos coñecendo o manexo da aplicación Touchcast que nos permite converter a tea verde de Chroma no que máis nos apeteza, neste caso... ESTAR NA PIÑA DE BOB ESPONXA!!!









Probando o Chroma - Kizoa Movie Maker



17.1.22

AMASANDO ( 5º EI)

 A pasada semana, decidimos exercitar as nosas mans amasando, neste caso realizamos figuras de masa de sal. 


Despois de amasar, xogaron e crearon figuras utilizando os coitelos e cortapastas. O resultado non foi de todo bo, pero o proceso, o máis importante, foi moi divertido!!!




MASA DE SAL